recuperación

A recuperación dunha ruta

En 1963, na Asamblea de Turismo da Illa da Toxa, presentei unha ponencia cun ambicioso plan para a recuperación deste senlleiro Camiño do Mar, por ter sido o da Translación do corpo do Apóstolo dende Palestina a Iria, feito fundamental que –e isto cómpre lembralo– sería o xermolo de todos os Camiños de Santiago.

O principal obxectivo daquela iniciativa, e como primeiro paso na posta en valor da ruta, foi o de colocar uns cruceiros de pedra dispostos como fitos no que sería un Vía Crucis marítimo-fluvial ao longo das súas ribeiras. Isto conseguiríase a comezos de 1965, mercede ás donacións da Igrexa –dous dos cruceiros serían aportados polo cardenal-arcebispo de Santiago, don Fernando Quiroga-Palacios, como presidente de Honor e grande valedor da Ruta do Mar–, ademais de concellos, institucións e empresas.

Outro feito singular nesta época foi a recuperación dende o fondo do río, e por parte da Armada Española, dunha imaxe en pedra do apóstolo decapitado, datada no século XII. Rescatouse fronte ás Torres de Oeste, nun acto presidido polo bispo auxiliar de Santiago, don Miguel Fuentes Novoa, que congregaría no lugar a miles de persoas. O bispo entronizaría a imaxe, solemnemente, na capela das Torres.

A edición de folletos, sinalización por vía terrestre e o balizamento do río para asegurar a súa segura navegación, todo isto xunto á organización anual dos remontes conmemorativos, levaron ao público a coñecer a singularidade e atractivo desta ruta, o seu rico pasado histórico, a súa monumentalidade e a beleza dos seus contornos, abríndoa ao turismo e recuperando así así unha das fontes más apreciadas da tradición xacobea e da historia de Galicia.

O primeiro remonte, con carácter inaugural, tivo lugar o 19 de agosto de 1965 e estivo presidido polo cardeal-arcebispo de Compostela, don Fernando Quiroga Palacios; o cardeal Caggiano de Bos Aires e don Manuel Fraga Iribarne como Ministro de Información y Turismo, en unión das principales autoridades e representacións do pobo galego. Déronse cita 175 embarcacións de toda a ría e foi este o remonte máis numeroso nos xa máis de corenta anos de historia, pois as actuais medidas de seguridade non autorizan, nas últimas edicións, que moitas das embarcacións poidan sumarse á celebración. Non obstante, a Ruta hoxe está aberta ao tránsito de catamarás, que se veñen a sumar á diversidade de barcas ou lanchas que remontan o curso do Ulla, especialmente nos meses de verán.

A ruta polo Ulla fermosearíase posteriormente coa ubicación de dezasete cruceiros pétreos inspirados na máis pura iconografía galaica, pezas que se foron completando con outros catro cruceiros máis erixidos nos concellos de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo, doados, ante a nosa solicitude, pola Comunidade de Empresarios do Barbanza, e aos que seguirían os de Vilanova, A Illa, Cambados e O Grove. Está en cernes o grande monumento na Illa de Malveira, como un gran facho na ría e como símbolo de axuda para o navegante.

Despois duns anos de marasmo debido á confluencia de distintas vicisitudes, a Ruta do Mar de Arousa e Ulla foi recuperada en 1989, uníndose á iniciativa os concellos da Ría e a conca do Ulla, que se constituirían, en 1999, na Fundación da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, declarada, por Lei da Xunta de Galicia, de Interese Galego e Cultural, destacando a extraordinaria colaboración, primero da Consellería de Cultura, e despois da Consellería de Innovación e Industria, a través da Xerencia do Camiño y da S. A. de Xestión do Xacobeo, que son os que posibilitan, coa edición de folletos e da revista Arousa-Ruta do Apóstolo –así como co seu xeneroso patrocinio– moitos dos seus actos culturais, entre eles, as tradicionais Xornadas Xacobeas. Na actualidade, o padroado da Fundación está integrado por 22 concellos.

Os anos noventa do século pasado foron especialmente significativos pola presenza de destacadísimos persoeiros que viñeron a refrendar o significado da nosa Ruta. Entre eles cómpre destacar a visita, en 1991, das SS. MM. os Reis de España; a concesión das primeiras Medallas de Ouro da Ruta o 21 de xullo de1995, a visita da Príncipe Felipe o 18 de xullo de 1999, e da Ruta Quetzal o 23 de xullo de 2004, entre outras significadas.

No ano 1993, de novo coa presenza das súas maxestades, a Ruta do Mar de Arousa e Ulla recibía a Medalla de Galicia, e finalmente en 2005 a nosa Fundación era recoñecida coa distinción de “Arousán do Ano” como recoñecemento ás súas múltiples e variadas actividades.

José Luis Sánchez-Agustino López (1930-2010)
Fundador da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla