historia

A Traslación do Apóstolo Santiago

Dende os inicios da tradición xacobea –hai xa mil douscentos anos– España profesa unha fonda devoción polo Apóstolo Santiago. Esta admiración maniféstase especialmente en ocasións como a que agora nos ocupa: a conmemoración do traslado (a Translatio) a Galicia dos restos do Zebedeo. Non debemos esquecer que Santiago de Compostela é, xunto con Roma e Xerusalén, un dos tres grandes fitos da cristiandade. Hoxe en día, en pleno século XXI, xentes de todo o orbe acoden –como nos mellores tempos das peregrinacións no Medioevo– a postrarse ante o sepulcro do único discípulo de Xesús que, xunto con San Pedro de Roma, está soterrado no Vello Continente.

É certo que, na actualidade, a forza evanxelizadora do Apóstolo cobra forma nun amplo e variado abano de manifestacións humanas, mais todas elas desenvólvense baixo unha mesma forza, unha espiritualidade común que dá alento ao camiñante e gozo pleno na meta Santa.

A carón de todas estas expresións de fondo e histórico contido relixioso e espiritual, veu a sumarse esta Ruta Xacobea marítimo-fluvial polo mar de Arousa e o río Ulla, que pretende, fundamentalmente, contribuír ao maior coñecemento e exaltación de Santiago o Maior a través dunhas paraxes naturais e etnográficas de indubidable valor e interese.

Seguindo os testemuños e a tradición, esta Ruta actualiza o paso da nave apostólica que conducía os restos de Santiago desde Jaffa, en Palestina, ata Iria Flavia, a actual vila de Padrón.

Esta tradición foi seguida con fervor en todo o mundo cristiano e chegou a plasmarse, ao longo da milenaria historia xacobea, nunha variada e riquísima iconografía que nos representa a derradeira singradura do Apóstolo Santiago na compaña dos seus discípulos Atanasio e Teodoro. Eles, conducidos por un anxo e guiados por unha estrela –segundo se mostra no escudo municipal da vila de Padrón– arribaron nas costas de Galicia entrando polo mar de Arousa e subindo polo cauce do río Ulla, camiño de Compostela, onde hoxe os seus restos se veneran.

A singradura que entra en Galicia polas augas atlánticas da maior ría de España –a de Arousa, que é en si todo un océano en miniatura–, continúa de seguido por un abraiante ascenso a través do cauce do Ulla ata alcanzar as terras de Iria. Un treito que ofrece ao peregrino unha paraxe de singular beleza. A remontada río arriba cobra unha significación especial, pois esta ruta traza un vieiro de encontro cun pasado glorioso. É ascender por unha columna vertebral entre marxes vizosas, cargadas de historia e lendas, nunhas augas –primeiro salgadas e logo fluviais– que resumen tamén a historia desta terra.

Aquela mínima nave que soubo esquivar as turbulencias dun mar avolto é na actualidade un símbolo clave da cristiandade. Todos os anos, cada 30 de decembro, a Mitra compostelá rememora esta tradición, acto que leva parella unha ofrenda real.