tradición

Entre as narracións e prodixios que acompañaron o traslado do corpo do Apóstolo, sempre a metade de camiño entre a tradición e a lenda, dúas son as máis recoñecidas hoxe: unha, a de Xoán Bosco, monxe celestino que publicaría o suceso na súa biblioteca Floriacense; a outra, a da Historia Compostelana (unha das obras máis importantes do medioevo), que nos relata como, logo da súa predicación por España, o Apóstolo retornou a Palestina e alí foi degolado por Herodes Agripa e o seu corpo botado extramuros de Xerusalén para pasto dos animais. Mais os seus santos restos foron recollidos polos seus discípulos Teodoro e Atanasio que, axudados pola man de Deus e con próspero vento a favor, conseguiron chegar ata Iria Flavia, importante porto de Galicia. (Cómpre subliñar a relevancia que este enclave tiña arredor do ano 70 da nosa era: o emperador romano Tito Flavio Vespasiano romanizaría o lugar co outorgamento de Ius Latii, o que elevaba a Iria á consideración de municipio romano).

A epístola que confirma a tradición da arribada da nave pertence ao papa León III.

O corpo foi desembarcado sobre unha grande pedra, que o recibiu milagrosamente como se “sobre cera puxeran un corpo de bronce incandescente e como se recoñecese a vasalaxe e honor que a tan grande apóstolo debía”.

No breviario da Santa Igrexa de Oviedo faise memoria deste prodixio. As pinturas máis antigas así o testemuñan por toda Europa. O Papa Calixto II afirma ter visto esta pedra que foron desgastando os peregrinos; o resto permanece no río Sar, segundo revelan distintos documentos históricos. As intrigas da raíña Lupa, que dominaba na época estes contornos, e os enganos de Filotro, gobernador de Duio e legado de Roma, dificultarían o seu traslado ata o lugar onde os restos de Santiago permanecerían ocultos ata o año 813.

Neste intre da historia, o pestanexo dunha estrela que apuntaba a un determinado lugar chamaría a atención do anacoreta Pelaxio; os fulgores da estrela moverían ao bispo de Iria, Teodomiro, a concluir que nese emprazamento concreto estaba soterrado o corpo do Apóstolo, un enclave coñecido como Liberum Donum, hoxe, a inmortal Compostela.

Ata aquí o relato esencial, adobado por esa mistura entre historia popular, tradición e lenda, algo tan propio da alma galega que trascende o propio rigor dos feitos para ir máis alá: a creación da cultura xacobea, esa ósmose entre o fantástico e o real.

Deteñámonos agora brevemente nun feito lendario de interese:

Nun manuscrito atopado nunha libraría de San Juan de los Reyes en Toledo e nun Flos Sanctorum (colección de biografías de santos) escrito en pergameo en lingua lusitana que se conserva en Alcobaça, nárrase un prodixioso suceso acontecido nas terras d’Amaia, entre os límites do Doiro e o Miño no litoral portugués:

Celebrábanse grandes festas co gallo do casamento dun noble cabaleiro do país, quen nun descoido precipitouse co seu cabalo ao océano. Nese intre cruzaba por diante a pequena nave co Apóstolo. As augas encalmaron de súpeto e acougou tamén o vento. Nese intre, o cabaleiro emerxeu sobre a tona do mar, alí mesmo a carón da nave, e todos dende a terra puideron albiscar aquela milagre. O cabaleiro decatouse de que tanto el como o cabalo, e tamén o peitoral ou as estribeiras, por todas partes, víronse ornamentados de cunchas de vieira.

Dende ese instante, todo peregrino que había de ir a Compostela na procura do Apóstolo Santiago levaría por sinal, no chapeu e na escravina da saia, as cunchas deste molusco.

Este prodixio foi autorizado a través das bulas pontificias do papa Clemente V en 1088, Alexandre III en 1165, e Gregorio IX en 1227.